·Un grupo de armadores da Confraría de Pescadores de Cedeira creou a marca para poñer en valor a pescada da nosa costa. ·A etiqueta DoNorte garante a súa orixe, calidade e frescura. ·A marca DoNorte chegou a un acordo con Vegalsa-Eroski para que a súa pescada teña un lugar destacado nos seus lineais.
Cedeira, 14 de agosto de 2020.–Esta mañá presentouse en Cedeira (A Coruña) a marca DoNorte, que distingue á pescada de costa capturada en Cedeira. A iniciativa parte do empresario Juan García e un grupo de armadores de volanta (coñecidos como “ volanteiros”) da Confraría de Pescadores de Cedeira que se unen para poñer en valor a pescada máis fresca do mercado a través dunha etiqueta propia. As capturas do grupo de armadores de DoNorte representa o 90% da pesca de pescada local e preto do 30% da pesca desta arte a nivel nacional. Doutra banda, Juan García ten a experiencia de comercialización de máis de 5 millóns de quilos anuais de peixe fresco.
O lanzamento da marca DoNorte recoñece ao porto de Cedeira como referencia de pesca de pescada e de volanta “Para a Confraría de Cedeira é un orgullo que naza unha marca na localidade para identificar a orixe da nosa pescada de costa”, apuntou Eduardo González, presidente da Confraría.
DoNorte nace como unha marca para definir a orixe e, sobre todo, a frescura da pescada. “En Cedeira pescamos na nosa costa cada día para asegurar que sexa a máis fresca do mercado”, explicou Juan García.
DoNorte tamén é garantía de calidade tras un rigoroso proceso de selección dos exemplares. Unha selección que comeza coa arte de pesca artesanal do volante, “que só permite capturar os exemplares de pescada de maior tamaño”, afirmou García.
Os consumidores poderán adquirir a pescada DoNorte nos supermercados de Vegalsa-Eroski. O acordo ao que chegaron ambas as empresas situará a pescada DoNorte nun lugar privilexiado nos lineais dos puntos de venda. Jorge Eiroa, director de compras de Vegalsa-Eroski, destacou que “seguiremos traballando coa Confraría de Pescadores de Cedeira para ofrecer produtos de calidade diferenciada nas nosas peixarías e para que o consumidor atope nelas o mellor do noso mar”.
A presentación da marca DoNorte contou co apoio institucional da Xunta de Galicia coa participación de Rosa María Quintana, Conselleira do Mar, quen resaltou que “vender é tan importante como pescar, por iso accións como esta son tan necesarias e loables, porque conseguen mellorar os prezos dos produtos do noso mar”. A este respecto, a conselleira apuntou que “a pescada aumentou a súa facturación en Galicia case un terzo respecto de hai unha década a pesar de que se descargou unha menor cantidade. Esa é a dirección cara á que queremos camiñar.”
Ao finalizar o acto os asistentes puideron degustar distintas elaboracións coa pescada DoNorte.
A aposta histórica de Vegalsa-Eroski pola produción local visibilizouse nos últimos anos nas tendas da súa rede comercial, con gran protagonismo dos alimentos de proximidade, sobre todo os produtos frescos de tempada como base dunha alimentación saudable e sostible. Ademais, o compromiso polo produto local e o provedor de proximidade axuda a impulsar o desenvolvemento socioeconómico da súa contorna e a construción dunha cadea de subministración sostible.
Este compromiso tradúcese no investimento anual en compras locais, que en 2019 alcanzou os 363 millóns de euros, o que supón que un 44% das compras totais realizadas pola compañía o pasado ano foron a provedores de proximidade. En total a empresa traballa con 977 provedores locais de Galicia, Asturias e Castela e León.
A colaboración de Vegalsa-Eroski cos seus provedores baséase nunha relación de confianza ao longo do tempo, mediante alianzas estratéxicas, como a citada coa Confraría de Pescadores de Cedeira, para ofrecer aos seus clientes produtos de calidade, frescos e saudables. De feito no último ano o volume de compras en lonxas galegas da compañía ascendeu a 10,2 millóns de euros.
Co obxectivo de poñer en valor e facer visible a pescada de Cedeira, así como para chegar ao consumidor final dunha forma máis atractiva, os responsables da marca DoNorte lanzaron unha imaxe e puxeron en marcha unha campaña de comunicación integral a cargo da empresa coruñesa Bebrando, consultoría global de marca. O logotipo de DoNorte representa a robustez e calidade da pescada así como a súa orixe (pescada de costa) e frescura (pescada de día). O consumidor final poderá distinguir a pescada na sección de peixaría dos supermercados Vegalsa-Eroski coa etiqueta DoNorte colocada en cada peza.
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 270 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais Hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski/ Center, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski/City, Aliprox e Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. Pola súa banda, a división de Autoservizos
Cash Récord de Vegalsa-Eroski conta cun mapa comercial composto por 18 centros distribuídos homogéneamente entre Galicia e Asturias, con fáciles e rápidos accesos en áreas empresariais con boas comunicacións.